top of page

PROXECTO

Desde hai 8 anos, en Educación  Plástica  traballamos creando distintos produtos audiovisuais que viran sempre ao redor dun tema.  A motivación  deste ano  é "A MEMORIA”; trátase  de guións realizados partindo dos recordos e a memoria dos  nosos  avós e avoas de Moaña. A memoria conéctanos cas vivencias da alma, cos cimentos do noso día a día. Este evento é unha homenaxe a todas e todos eles.

A nosa  produtora audiovisual ( Caranguexo  Films), na que xa participan distintos departamentos, desde língua castelá e galega , economia a toda comunidade educativa, culmina cun festival audiovisual no que se estrean este ano  once  curtas e animacións, producidas, gravadas e editadas polo alumnado de Plástica .

Como novidade contaremos de agora en diante cunha nova sección, #somosVioleta que consiste en tres  curtametraxes que loitan  contra as violencias Machistas. Todos os traballos desta sección están realizados, gravados e editados exclusivamente co móbil .

O alumnado aprendeu a realizar un guión cinematográfico, a estudar a linguaxe audiovisual, a coñecer os seus códigos, a planificar mediante un storyboard, a rodar, a actuar, a editar e a realizar animacións para os créditos dos seus proxectos ao estilo dos “ motion graphics”. Con todos estes coñecementos foron capaces de expresarse e de plasmar sentimentos, opinións, ideas e expor alternativas sen ningún impedimento. Traballando en equipo, por grupos, asumiron o papel de director, cámaras, editaron o son, foron actores, maquilladores, buscaron o vestiario e os escenarios….. Eles foron os protagonistas en todas e cada unha das fases do proxecto, na preprodución, produción e postproducción. Os criterios de avaliación para o proxecto baseáronse en aprender a avaliar entre iguais. A autoevaluación constante foi a clave para traballar as curtas que se realizaron durante o curso en 4º da ESO ,  sendo o alumnado o produtor de arte e coñecemento.

Nunha primeira fase valorouse a creatividade e claridade do guión das curtametraxes cunha exposición en grupo.

 

Cada alumno e alumna defendeu as súas propostas cunha sesión de “ pitching” (técnica utilizada polas produtoras audiovisuais) na que todos avalían, deciden, comunican, propoñen cambios, é dicir, unha autoevaluación positiva e activa.

 

Nunha segunda fase valorouse a autonomía e a toma de decisións do alumnado. O traballo colectivo, o grao de participación de cada un dos membros do equipo, a distribución de traballo, o manexo das distintas ferramentas dixitais para a creación e produción audiovisual foron avaliadas polo alumnado.

Eles valoraron os proxectos de cada equipo en función a uns criterios establecidos. No proceso de avaliación tamén hai que incluír a difusión do proxecto.

Foron as propias alumnas e alumnos de  Educación Plástica quen se encargou de dar a coñecer o proxecto, de crear e comunicar, realizando unha campaña para xerar interese polo evento do VIII Festival audiovisual.

Profesora coordinadora: Luz Beloso

 

IES as Barxas  , Moaña

bottom of page