+ ARTE
O IES AS BARXAS de Moaña, comprácese en convidalos a visitar a exposición homenaxe á pintora Maruja Mallo “EU SON MARUJA”, situada no hall do centro educativo e que permanecerá aberta ao público durante todo o mes de maio, de martes a venres de 9:00 a 14:30 e os luns de 9:00 a 14:30 e de 16:30 a 18:10.
As obras foron realizadas polo alumnado de bacharelato de Debuxo Artístico, dirixido pola profesora Luz Beloso, e comisariadas polo alumnado de Economía dirixido pola profesora M Jose Soto .
A mostra consta dunha serie de instalación e distintas obras artísticas (tridimensionais nalgúns casos), ao redor da GRAN MARUJA MALLO, muller e artista galega de carácter transgresor á que este ano se lle dedicou o Día das Artes Galegas.
Cada obra artística utiliza como parte da composición o propio hall do IES AS BARXAS, ademais de obxectos realizados con material de reciclaxe, cartóns, ramas, redes, etc. Tamén podemos atopar as últimas tendencias no campo das animacións, arte dixital, ilustracións e realidade aumentada, coa pretensión de encher o espazo do espíritu surrealista de Maruja, onde o espectador é convidado a moverse ao redor da peza e interactuar con ela.
Esta exposición homenaxe pretende ser un alegato en defensa dos dereitos da muller e ao dereito de facer visible tanto a Maruja coma a súa obra, tan inxustamente esquecida durante anos.
A experiencia forma parte do proxecto TRANSFORMANDO REALIDADES, premiado pola “Plataforma Proyecta Innovación”, co obxectivo de crear e xestionar un centro de arte contemporánea no IES AS BARXAS e que pode seguirse a través do blogue: https://proyectotransformandorealidades.blogspot.com.es/ e na web do proxecto https://luzbelos.wixsite.com/eusonmarujamallo