+ ARTE
MARUJA MALLO – TRANSGRESIÓN NA OBRA E NA VIDA
Entre as mulleres que romperon co modelo imposto sobre o que debía de ser unha muller, destaca Maruja Mallo: pintora, escenografista, transgresora nos modos e costumes, colaborou con Alberti, foi amiga de Lorca, Buñuel e Dalí, e André Breton ou Paul Éluard confesaron a súa admiración polos seus cadros, polo que a súa traxectoria merece ser repasada.
1902: Nada en Viveiro como Ana María Gómez y González. A profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922.
1922: Ingresa na Academia de Belas Artes (única muller que aproba o exame de ingreso ese ano) e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española, algúns deles conformarían a Xeración do 27. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudiantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e en especial con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.
1928: Ortega y Gasset lle brinda os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición, se converte entón nunha das protagonistas da tensión creadora que se viviu en España dende os derradeiros anos vinte até a Guerra Civil. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por aquelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.
A finais de 1928: pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Atraíanlle, segundo as súas propias palabras, "os espazos cubertos por cinzas, as superficies inundadas polo limo habitadas por vexetais ásperos, cloacas empurradas polos ventos, campanarios atropelados polos vendavais". Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios", que compaxina con colaboracións en escenarios teatrais, coa realización de debuxos para a portada da Revista de Occidente e o deseño de cubertas de libros.
1931: Viaxa a París, acompañada do seu pai, onde permanece varios meses e expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra.
1932: Regresa a Madrid, o que supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vegetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.
1936: Previo ao estalido da Guerra Civil, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde viaxa coas Misións Pedagóxicas, e aquí permanece até 1937.
1937: Embarca en Portugal, cara Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana", debedora de "A sorpresa do trigo". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Viaxa moito por Latinoamérica. En Chile coincide co seu amigo Pablo Neruda.
1942: Ramón Gómez de la Serna e Atilio Rossi dedícanlle un libro editado pola Editorial Losada. No tocante ao traballo artístico realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana (unha serie de gravados, debuxo e óleo)
1960: Decide voltar a España. A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chegalle o recoñecemento total.
1982: Lle conceden a Medalla de Ouro de Belas Artes
1993: O Centro Galego de Arte Contemporánea, lle dedica unha exposición antolóxica, entre unha forte polémica polo inadecuado do momento. Para entón Maruja está xa moi enferma.
1995: Encamada, morre rodeada de postais e recordos, na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.
2017: Maruja Mallo volve cobrar vida a través da exposición homenaxe "EU SON MARUJA", da man do alumnado de debuxo artístico de bacharelato do IES AS BARXAS e da súa profesora Luz Beloso.
Fontes: http://www.culturagalega.org (María Luisa Sobrino Manzanares), https://www.ahorasemanal.es (Ana Llurba)
TEXTO CURATORIAL : ALUMNADO de Economía